Escribo esta entrada de blogue cunha mestura de sentimentos: o alivio de prever que xa non terei que sprintar para realizar as miñas tarefas en hora; pero tamén a necesidade de acostumarme á ausencia de notificacións de SocialWire na bandexa de entrada do meu correo.
Comecei este curso coa intención de organizar toda información que tiña ciscada en diferentes dispositivos. É verdade que xa coñecía Pinterest e tamén sabía das utilidades de Google Drive; esas ferramentas non eran novas para min. Pero si outras como Dropbox, Feedly, Diigo e, por suposto, Social Wire. De todas as citadas anteriormente, salientaría Feedly, non porque as outras me parezan pouco válidas, senón porque grazas a ela puiden rebaixar o número de correos electrónicos que me chegan diariamente á miña bandexa de entrada e, tamén, seleccionar, dunha forma máis pausada as lecturas que vou realizar.
Polo que se refire ao ámbito dos conceptos estou moi ilusionada coas potencialidades das CoP: é imposible estar ao día en todo o que sae relacionado cos nosos centros de interese; se conseguísemos levar adiante unha CoP no noso centro de traballo ou mesmo con persoas -como foi neste caso- coas que compartamos inquedanzas, aínda quen non coincidamos nos espazos físicos… sería marabilloso!
Para finalizar, quero engadir que estou intentando aplicar algo do aprendido neste curso nas miñas clases de PDC. Gustaríame que eles fosen quen de atopar na rede información sobre un contido que teñan que abordar no currículo, que sexan capaces de afondar nel, de compartir os seus coñecementos… de combinar a aprendizaxe formal e a informal. En esencia, para converterse en aprendices do século XXI.
MOITAS GRAZAS!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario