domingo, 28 de maio de 2017

LISTAXE DE PROS E CONTRAS CARA AO CAMBIO METODOLÓXICO

Son unha convencida de que o cambio metodolóxico é unha necesidade. Os motivos son obvios: necesitamos dar resposta a unha sociedade cambiante e a un mundo onde a tecnoloxía está incidindo directamente a todos os aspectos do ser humano. Penso, ademais, que é necesario conectar cada vez máis o mundo real e o que se ensina nas escolas, institutos e universidades.
Con todo, son consciente de que vivimos nun momento de tránsito: o noso alumnado terá que se desenvolver en ámbitos profesionais que neste momento nin sequera existen e que os obrigará, ademais, a reinventarse en máis dunha ocasión. Pero, por outro lado, o noso alumnado segue enfrontándose a exames memorísticos tradicionais -a denominada EBAU, por exemplo- e a currículos case imposible de abordar nun curso acedémico.
Onte, nunha conferencia que asistín, o profesor David Calle afirmou: non podes xogar co futuro de 50 rapaces, pero si introducir pequenas modificacións na aula. Penso que este termo medio, en determinados niveis, é moi necesario... polo menos, por agora.

Recapitulando parte da información anterior: 
PROS
 CONTRAS
Cómpre dar resposta aos cambios na sociedade
Os filtros para futuros estudos seguen a ser memorísticos
Incídese na educación emocional do alumnado, o que lle resultará moi útil cara ao seu futuro laboral
A lexislación -currículos- que propicia o cambio metodolóxico non é respectada por actores con forte voz no mundo educativo: editoriais, pais, inspección...
Resulta máis motivador para o alumnado
A zona de confort
Favorece o tratamento individualizado do alumnado.
A incerteza que provoca todo o novo
Favorece a inclusión
Debe sustentarse en contidos curriculares. As experiencias que se comparten neste ámbito non sempre son doadas de atopar
Fomenta a autonomía do alumnado
Falta apoio das autoridades educativas
Prepara a cidadáns críticos
Non sempre temos suficiente bagaxe para dar  resposta ao alumnado con altas capacidades.


REFLEXIÓN SOBRE A LIÑA DE DESEÑO DA MIÑA TAREFA

Comezarei aplicando o cuestionario:
  1.  Liña de deseño da miña tarefa.
    1. Dous aspectos a manter. 
      1. Creo que a presentación da tarefa con Genially foi algo que lles impactou ao alumnado -era a primeira vez na aula que a empregaba-. Penso que conseguín motivalos dende o comezo grazas a esta presentación.
      2. Seguir empregando os diarios de aprendizaxe. Son consciente de que o ideal sería que o alumnado realizase diarios de sesións para valorar o traballo en equipo; pero cando se dá a circunstancia de que, practicamente son a única que estou a aplicar a aprendizaxe cooperativa nunha aula, os diarios de aprendizaxe son un instrumento moi válido para realizar incursións de tipo metacognitivo, axudar a auto-programarse ao alumnado e a reflexionar sobre a súa forma de interactuar en equipo.
    2. Dous aspectos a cambiar.
      1. Temporalización. A pesar de presionalos, creo que fun moi optimista cos prazos que lles outorguei.
      2. Integración na realidade. Gustaríame que a miña tarefa transcendese fóra das paredes da aula -explicárllelo ao alumnado doutro nivel, por exemplo-. Sei que abordando un aspecto gramatical é difícil, máis aló da incursión na perspectiva comunicativa para a aprendizaxe das linguas.
  2. Rúbrica para avaliar a miña tarefa.
    1. As rúbricas entreguéillelas ao meu alumnado. Asemade, expliquéillela e tratei de incidir nos ítems que se terían máis en conta.
    2. Recolle a información principal. A miña rúbrica pretendía ser unha guía de como debían realizar a tarefa.
    3. Facilita a obtención dunha cualificación, xa que de feito, puiden valorar o traballo realizado con elas.
  3. Recoller dúas evidencias para o portfolio do traballo dos meus alumnos. Relacionalo con estándares. No post anterior temos dúas evidencias do traballo realizado (diario de aprendizaxe cumprimentado en Drive e mapa conceptual executado en Popplet). Neste inclúo un enlace para a rúbrica do mapa conceptual e tamén o borrador dun traballo creativo, coas miñas indicacións para que melloraran a súa representación na aula.
    1. Relación cos estándares. Cando deseñei a rúbrica, tratei de ser o máis explícita posible no que esperaba do meu alumnado; é dicir, se no estándar se afirma: LGB1.2.2. Comprende e segue as intruccións para realizar tarefas de aprendizaxe con progresiva autonomia... está claro que, coa maioría das actividades que realicei con eles, estaba aplicando este estándar. Se no estándar LGB1.3.2. se afirma: Recoñece a importancia dos aspectos prosódicos (entoación, pausas, ton, timbre e volume) e o significado dos trazos máis característicos da linguaxe non verbal, eu tratei de debullar na escala de rango e, posteriormente na rúbrica da presentación creativa, como se debe ser a entoación, as pausas, etc. LGB1.7.2. Emprega as TIC para facer as súas presentacións máis claras e atractivas visualmente, tamén está desenvolto no ítem de "apariencia"da rúbrica do Popplet. Outros coma LGB2.5.1. Utiliza, de forma progresivamente autónoma, diversas fontes de información e integra os coñecementos adquiridos nos seus discursos orais e escritos. Ou LGB3.5.1. Aplica correctamente as normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega. Ou LGB3.5.2. Aplica estratexias para a corrección lingüística, gramatical e ortográfica dos textos... están implicitos no propio desenvolvemento da tarefa.
  4. Avaliación formativa da tarefa
    1. Tres aspectos que manter. Retomaría os dous aspectos citados no apartado 1.1. e engadiría o afianzamento na perspectiva comunicativa para a aprendizaxe das linguas; penso que se a gramática non se incorpora a situacións comunicativas caemos na abstracción e o alumnado seguirá a sentir a aprendizaxe das linguas como algo alleo á súa realidade e, polo tanto, o seu desinterese irá en aumento.
    2. Tres aspectos que modificar. Aos puntos abordados no apartado 1.2. engadiría a necesidade de que esta tarefa se inclúa nun proxecto máis amplo e interdisciplinar; é verdade que con el abordo a Competencia Lingüística (non só a escrita, senón tamén a oral); a Social e Cidadá (a través do traballo en equipo); a Dixital (parte do traballo realízase con medios dixitais); a de Aprender a Aprender (incido en proceso de metacognición); a de Conciencia e Expresión Culturais (aspectos abordados nos mapas conceptuais e nas presentacións creativas); o Sentido da Iniciativa e Espírito Emprendedor (tiveron que organizarse e realizar unha presentación creativa, o atrezzo, a gravación do vídeo...). A única ausente -tamén do meu currículo- é a Competencia Matemática e Competencias Básicas en Ciencia e Tecnoloxía; con todo creo que o tratamento interdisciplinar dunha tarefa enriquece, aínda que se aborden os mesmos temas que na que veño de realizar. 
  5. Grellas do deseño da miña tarefa. Considero que a grella pode ser a presentación en Genially que incorporei no post que leva por título A miña tarefa. As TAC no deseño das actividades integradas.

LIÑA DE DESEÑO DA MIÑA TAREFA

Tal e como expliquei na presentación do post anterior, a miña tarefa consistía en que os equipos nos que teño dividida a aula se ocupasen dun tipo de determinante e que despois llelo explican aos compañeiros.
A estrutura cooperativa complexa que empreguei foi a de "Grupos de investigación". Para desenvolver a tarefa, desenvolvimos os seguintes pasos:
  1. Reparto de tipos de determinantes .-hai tantos subtipos, como equipos hai na aula-.
  2.  Nunhas carpetas creadas previamente, compartín, a través de Google Drive, os diarios de aprendizaxe, os enderezos web onde tiñan que buscar información para realizar a tarefa e as rúbricas con que serían avaliados.
  3. DIARIOS DE APRENDIZAXE. Eran catro. 
    1. No primeiro analizaban cales eran os seus coñecementos previos, realizaban -argumentadamente- o reparto de tarefas. 
    2. No segundo, -para cumprimentar os días segundo e terceiro- debían render contas do traballo realizado e das dificultades atopadas na realización da presentación dixital ou do mapa conceptual a catro bandas que acompañaría á explicación perante os compañeiros. 
    3. No terceiro -para cumprimentar os días terceiro e cuarto- debían analizar o estado no que se atopaba o documento no que figuraría a teoría e os exercicios que entregarían aos compañeiros e que eles posteriormente empregarían para a realización da pobra escrita.
    4. No cuarto abórdase o estado de desenvolvemento da presentación creativa -roleplaying, monólogo, vídeo...- co que se pretendía, buscando a interacción cos compañeiros de clase, amosar como empregamos os determinantes en situacións da vida cotiá - visión da lingua dende unha perspectiva comunicativa. A maiores, tamén se lles pedía que realizasen unha valoración, a nivel individual e de grupo, do funcionamento do equipo.
  4. INSTRUMENTOS AVALIACIÓN. Empreguei os seguintes métodos de análise de información.
    1. LISTAXE DE COTEXO: Nela enumeraba todos os conceptos teóricos que se debían abordar na presentación dixital.
    2. RÚBRICAS 1(para o Popplet e Mindomo) e 2 (para Power Point). Nas presentacións dixitais tiña en conta ítems coma: abórdanse todos os ítems requeridos, relacións claras entre as partes (mapa conceptual), aparencia harmónica do traballo, xeito de traballar en equipo,
    3. ESCALA DE RANGO para valorar a presentación oral (tamén co-avaliamos) que acompañou á explicacion do mapa conceptual. Nel valorábanse aspectos da expresión verbal (volume, pronunciación, ritmo...), da corporal (contacto visual, xestos, tranquilidade...).
    4. RÚBRICA 3. Era unha guía para presentación creativa. Nela tíñanse presentes aspectos coma o título do traballo, a preparación previa, a entoación, a seguridade, o emprego de pausas...
DIARIO DE APRENDIZAXE I.

ESCALA DE RANGO QUE EMPREGAMOS PARA CO-AVALIAR PRESENTACIÓN ORAL


sábado, 27 de maio de 2017

A MIÑA TAREFA: AS TAC NO DESEÑO DAS ACTIVIDADES INTEGRADAS.

A miña intención inicial era desenvolver unha tarefa co alumnado de Segundo de PMAR, onde imparto a materia de Ámbito Lingüístico e Social, xa que o feito de tratarse dun ámbito facilitaríame achegar a visión interdisciplinar ou integrada. 
Quedara co meu equipo en realizar unha presentación interactiva no que o alumnado de PMAR ofrecese unha visión da sociedade da Idade Media; mais antes de comezar a abordala, debía rematar o tema que tiña comezado e aí decateime de que, tras uns meses analizando a xeografía física e política, que eran conceptos máis relacionados coa realidade, cumpría un tratamento máis reflexivo e abstracto, o que requería unha maior dilatación temporal.
Ante esa obstáculo, optei por aplicar o aprendido no curso a unha tarefa que quería levar a cabo co alumnado, tamén de Segundo de ESO, na materia de Lingua Galega e Literatura. O título do mesmo é: "Explicamos os determinantes aos nosos compañeiros de clase".
Velaquí a presentación que realicei ante o alumnado onde expoño as liñas que guiarían a súa execución...