venres, 29 de abril de 2016

PUNTO FINAL



Escribo esta entrada de blogue cunha mestura de sentimentos: o alivio de prever que xa non terei que sprintar para realizar as miñas tarefas en hora; pero tamén a necesidade de acostumarme á ausencia de notificacións de SocialWire na bandexa de entrada do meu correo.
Comecei este curso coa intención de organizar toda información que tiña ciscada en diferentes dispositivos. É verdade que xa coñecía Pinterest e tamén sabía das utilidades de Google Drive; esas ferramentas non eran novas para min. Pero si outras como Dropbox, Feedly, Diigo e, por suposto, Social Wire. De todas as citadas anteriormente, salientaría Feedly, non porque as outras me parezan pouco válidas, senón porque grazas a ela puiden rebaixar o número de correos electrónicos que me chegan diariamente á miña bandexa de entrada e, tamén, seleccionar, dunha forma máis pausada as lecturas que vou realizar.
Polo que se refire ao ámbito dos  conceptos estou moi ilusionada coas potencialidades das CoP: é imposible estar ao día en todo o que sae relacionado cos nosos centros de interese; se conseguísemos levar adiante unha CoP no noso centro de traballo ou mesmo con persoas -como foi neste caso- coas que compartamos inquedanzas, aínda quen non coincidamos nos espazos físicos… sería marabilloso!
Para finalizar, quero engadir que estou intentando aplicar algo do aprendido neste curso nas miñas clases de PDC. Gustaríame que eles fosen quen de atopar na rede información sobre un contido que teñan que abordar no currículo, que sexan capaces de afondar nel, de compartir os seus coñecementos… de combinar a aprendizaxe formal e a informal. En esencia, para converterse en aprendices do século XXI.
MOITAS GRAZAS!!!

domingo, 10 de abril de 2016

O QUE COIDA DO COÑECEMENTO

A primeira vez que lin nun texto a expresión Curador de contidos creo que non fun quen de captar na súa totalidade o complexo labor que realiza esta figura. Inicialmente, o que máis me custou foi  incorporar o calco da expresión inglesa ao meu vocabulario (Curator: O que coida…); no meu desagravio tamén teño que recoñecer que axiña me decatei da súa utilidade: que houbera alguén que tivera a capacidade de filtrar a inxente cantidade de información que hai na rede era, en verdade, algo indispensable.




Neste módulo VI do curso Ambientes persoais de aprendizaxe e redes sociais na educación, tiven a oportunidade de afondar máis na tarefa que os curadores de contido realizan. Chamoume a atención o apartado das fases nas que debían traballar (buscar/ filtrar/ elaborar/ compartir/ avaliar), porque ata este momento unicamente asociaba o seu labor ás accións de  buscar e filtrar, pero non ás tres restantes.






Respecto aos modelos de curación de Miguel Lluva-Rohit Bhargava (agregación/ destilación/ elevación/ cronoloxía/ elevación/ mashup) penso que aos que máis recorro -case sempre en blogues- son os de agregación (https://gesvin.wordpress.com/), destilación (Aula planeta), pero non aos tres últimos.


Creo que na miña práctica profesional cotiá, de cando en vez, eu tamén exerzo de “Curadora de contidos”; sobre todo cando introduzo nas miñas clases un vídeo ou a información extraída dun blogue.  Nesta entrada dun portal educativo arxentino encontrei unha serie de consellos que todo profesor debe seguir ao seleccionar información para as súas clases (ver o material completo, verificar a súa adecuación ao currículum e ao grupo de alumnos cos que se traballa…); tamén noutro post deste mesmo portal encontrei os seguintes indicadores para a avaliación de recursos educativos que nos ofrece internet: a autoridade, a actualización, a navegabilidade, a organización, a selección de contidos, a lexibilidade e a adecuación ao destinatario; no páxina web, estes indicadores van acompañados dun cadro explicativo moi claro e que recomendo que boten unha ollada aos lectores do blogue.


Para case finalizar a redacción desta entrada, gustaríame comentar que estou valorando a posibilidade de desenvolver un traballo por proxectos neste último trimestre do curso co meu alumnado de PDC. O proxecto trataría de que eles constrúan o seu PLE cun tema que, dentro do currículo, lles atraia e que aínda nos quede por ver. Nese proceso eles tamén se terían que se converter nuns Curadores de contidos. Na rede atopei información sobre as ferramentas dixitais que eles poderían empregar: nesta páxina web de Educared temos unha relación exhaustiva das mesmas, ao igual que nesta entrada da CUED da Uned; con todo, pola súa simplicidade, quixera recomendar a da rede educativa escolar Tiching, pola súa simplicidade.

Por último, quixera deixarvos estoutra infografía, magnífica. Non procede, coma as restantes, do curso Ambientes persoais de aprendizaxe; extraína do blogue de Antonio V. Bauzano. É excesivamente grande; seino. Pero probei a incluíla noutros tamaños e, aínda que a entrada gañaba en vistosidade, perdíase moita información e por ese motivo decidín incluíla no seu tamaño orixinal.