- Liña de deseño da miña tarefa.
- Dous aspectos a manter.
- Creo que a presentación da tarefa con Genially foi algo que lles impactou ao alumnado -era a primeira vez na aula que a empregaba-. Penso que conseguín motivalos dende o comezo grazas a esta presentación.
- Seguir empregando os diarios de aprendizaxe. Son consciente de que o ideal sería que o alumnado realizase diarios de sesións para valorar o traballo en equipo; pero cando se dá a circunstancia de que, practicamente son a única que estou a aplicar a aprendizaxe cooperativa nunha aula, os diarios de aprendizaxe son un instrumento moi válido para realizar incursións de tipo metacognitivo, axudar a auto-programarse ao alumnado e a reflexionar sobre a súa forma de interactuar en equipo.
- Dous aspectos a cambiar.
- Temporalización. A pesar de presionalos, creo que fun moi optimista cos prazos que lles outorguei.
- Integración na realidade. Gustaríame que a miña tarefa transcendese fóra das paredes da aula -explicárllelo ao alumnado doutro nivel, por exemplo-. Sei que abordando un aspecto gramatical é difícil, máis aló da incursión na perspectiva comunicativa para a aprendizaxe das linguas.
- Rúbrica para avaliar a miña tarefa.
- As rúbricas entreguéillelas ao meu alumnado. Asemade, expliquéillela e tratei de incidir nos ítems que se terían máis en conta.
- Recolle a información principal. A miña rúbrica pretendía ser unha guía de como debían realizar a tarefa.
- Facilita a obtención dunha cualificación, xa que de feito, puiden valorar o traballo realizado con elas.
- Recoller dúas evidencias para o portfolio do traballo dos meus alumnos. Relacionalo con estándares. No post anterior temos dúas evidencias do traballo realizado (diario de aprendizaxe cumprimentado en Drive e mapa conceptual executado en Popplet). Neste inclúo un enlace para a rúbrica do mapa conceptual e tamén o borrador dun traballo creativo, coas miñas indicacións para que melloraran a súa representación na aula.
- Relación cos estándares. Cando deseñei a rúbrica, tratei de ser o máis explícita posible no que esperaba do meu alumnado; é dicir, se no estándar se afirma: LGB1.2.2. Comprende e segue as intruccións para realizar tarefas de aprendizaxe con progresiva autonomia... está claro que, coa maioría das actividades que realicei con eles, estaba aplicando este estándar. Se no estándar LGB1.3.2. se afirma: Recoñece a importancia dos aspectos prosódicos (entoación, pausas, ton, timbre e volume) e o significado dos trazos máis característicos da linguaxe non verbal, eu tratei de debullar na escala de rango e, posteriormente na rúbrica da presentación creativa, como se debe ser a entoación, as pausas, etc. O LGB1.7.2. Emprega as TIC para facer as súas presentacións máis claras e atractivas visualmente, tamén está desenvolto no ítem de "apariencia"da rúbrica do Popplet. Outros coma LGB2.5.1. Utiliza, de forma progresivamente autónoma, diversas fontes de información e integra os coñecementos adquiridos nos seus discursos orais e escritos. Ou LGB3.5.1. Aplica correctamente as normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega. Ou LGB3.5.2. Aplica estratexias para a corrección lingüística, gramatical e ortográfica dos textos... están implicitos no propio desenvolvemento da tarefa.
- Avaliación formativa da tarefa.
- Tres aspectos que manter. Retomaría os dous aspectos citados no apartado 1.1. e engadiría o afianzamento na perspectiva comunicativa para a aprendizaxe das linguas; penso que se a gramática non se incorpora a situacións comunicativas caemos na abstracción e o alumnado seguirá a sentir a aprendizaxe das linguas como algo alleo á súa realidade e, polo tanto, o seu desinterese irá en aumento.
- Tres aspectos que modificar. Aos puntos abordados no apartado 1.2. engadiría a necesidade de que esta tarefa se inclúa nun proxecto máis amplo e interdisciplinar; é verdade que con el abordo a Competencia Lingüística (non só a escrita, senón tamén a oral); a Social e Cidadá (a través do traballo en equipo); a Dixital (parte do traballo realízase con medios dixitais); a de Aprender a Aprender (incido en proceso de metacognición); a de Conciencia e Expresión Culturais (aspectos abordados nos mapas conceptuais e nas presentacións creativas); o Sentido da Iniciativa e Espírito Emprendedor (tiveron que organizarse e realizar unha presentación creativa, o atrezzo, a gravación do vídeo...). A única ausente -tamén do meu currículo- é a Competencia Matemática e Competencias Básicas en Ciencia e Tecnoloxía; con todo creo que o tratamento interdisciplinar dunha tarefa enriquece, aínda que se aborden os mesmos temas que na que veño de realizar.
- Grellas do deseño da miña tarefa. Considero que a grella pode ser a presentación en Genially que incorporei no post que leva por título A miña tarefa. As TAC no deseño das actividades integradas.
domingo, 28 de maio de 2017
REFLEXIÓN SOBRE A LIÑA DE DESEÑO DA MIÑA TAREFA
Comezarei aplicando o cuestionario:
Ningún comentario:
Publicar un comentario