Corría o curso 2014-2015, o primeiro ano en que impartía a materia do Ámbito Lingüístico e Social do PDC e un día oín esa pregunta que, en máis de vinte anos exercendo a docencia, poucos alumnos se atreveran a enunciar: Profe, e isto que nos ensinas, para que serve? Despois dunha noite preparando a Revolución Francesa, tratando de relacionalo coas ideas da Ilustración, para así abrir paso ao que sería a irrupción do Rexurdimento galego, ESA PREGUNTA!!! Claro, non pagaba a pena falarlle dos meus desvelos nocturnos, de que os meus coñecementos de Historia eran froito da miña inquedanza por aprender… iso non tocaba, porque se eu tiña esa inquedanza, estaba claro que a eles non llela estaba a transmitir. Por suposto que non me deixei apoucar e soltei o primeiro que se me veu á cabeza e que, seguramente, en anteriores ocasións contestara: Porque necesitades ter un mínimo de cultura. E por se acaso non quedaran convencidos, proxecteilles un vídeo que unha amiga me enviara había poucos días:
Con todo, é moi posible que esa pregunta -xunto ao meu carácter insatisfeito- foron os causantes de que eu, agora mesmo, estea a escribir a entrada deste blogue.
Un par de compañeiras de traballo, faláranme da Aprendizaxe por proxectos, e como “Don Google” nunca decepciona, atopei á marabillosa Ana Basterra. Grazas a esa descuberta, puiden dar unha visión da Revolución Industrial máis comprometida e conectada á realidade do meu alumnado dese curso.
Nos dous anos seguintes, continuei formándome; de xeito presencial, no CFR de Vigo (o emprego táblets que, a pesar de Profe, o teu dedo sempre queda atrás, conseguiume enganchar) e no meu centro, a través dos PFAC de Aprendizaxe Cooperativa, coa súa proxección na avaliación do alumnado e o seu desenvolvemento a través das TICs. Pero moito na rede: Twitter (@Toni Solano,@lazpita,), blogues (marabillosas Bloggeando e o tan humano Fernando Trujillo), Pinterest, algo menos en Facebook (debe ser cuestión de idade), MOOCs...
É verdade que nestes dous anos eu avancei con grandes pasos no coñecemento de metodoloxías activas, na utilidade das redes sociais para educación… Está claro que a pregunta que dá título á miña entrada do blogue converteuse nunha ventá que me abriu a un mundo descoñecido.
Con este curso de Ambientes persoais de aprendizaxe e redes sociais na educación, quero atopar ferramentas que me axuden asentar as fontes de información que manexo no seu sitio, quero aprender a ser unha usuaria activa -non meramente pasiva como son agora- na rede, aínda que nunca teña nin o ímpetu nin a traxectoria dos que citei anteriormente. Pode suceder que alguén lea o que escribo e que o utilice, como eu empreguei o doutros e, se teño sorte, pode suceder que o perfeccione e que me conte como o fixo. Daquela, si sería verdadeiramente afortunada!